O PSOE asume a proposta formulada polos nacionalistas en 2008, cando estaban na oposición

O pacto de goberno faculta ó alcalde para solicitar a auditoría ó Consello de Contas

O alcalde do Carballiño, o socialista Carlos Montes, remitiu o pasado mércores un escrito ó Consello de Contas para que este organismo se faga cargo da auditoría das finanzas municipais, asumindo o acordo plenario proposto polo BNG en 2008.
O pasado 30 de decembro, no rexistro municipal do Carballiño deuse saída a un escrito asinado polo alcalde do Carballiño, Carlos Montes Marqués, no que se solicita do Consello de Contas da Xunta a realización dunha auditoría específica pola que se poida determinar con exactitude a solvencia financeira das arcas municipais.

Nesta mesma comunicación, o rexedor socialista fai mención do requerimento do BNG encol dunha análise pormenorizada da situación económica do Concello carballiñés, asumindo así os termos da moción presentada polos nacionalistas e aprobada polo pleno da Corporación o 10 de xullo do 2008. O voceiro do BNG e actual tenente de alcalde, Manuel Amil, recoñece que ‘a petición da auditoría volveu aparecer sobre a mesa ó efectivizarse, no pasado mes de novembro, o pacto de goberno co PSOE para garantir unha xestión estable no Concello’.

Acordo

O citado pacto permitiu a suma dos oito concelleiros socialistas -antes en minoríaós catro nacionalistas, fronte ós cinco ‘populares’, agora sós na oposición. Manuel Amil lembra que ‘o tema da auditoría era un dos puntos que dende a oposición nós esiximos ó entón gobernante en solitario, o PSOE, para a posible formalización dun acordo de goberno’. Pola súa banda, Carlos Montes sinala que ‘coa situación de crise actual nos Concellos, e concretamente no noso, non poderiamos afrontar o gasto de encargar unha auditoría a unha empresa privada, e por iso preferimos a opción de recurrir este servizo ó Consello de Contas’.


Te puede interesar