Festival

O pavillón do colexio da Uceira acolle o Festival de Títeres

O festival trasladouse ao pavillón por causa da choiva

O XII Festival de Títeres, que comezou este luns no Carballiño, e que estaba previsto que se celebrara na explanada do parque municipal, cambiou a súa ubicación para o pavillón de deportes das instalación educativas da Uceira, no colexio público Calvo Sotelo, onde se desenvolverán todas as sesións programadas.

Trátase dunha medida motivada pola previsión de choiva para esta semana, que impide  as actividades ao aire libre.

O programa non varía, nin tampouco o horario do comezo das sesións, que é ás 19,00 horas. Haberá aforo limitado polo cumprimento da normativa de separación e seguridade polo coronavirus, segundo apuntou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, responsable da organización desta actividade dirixida aos nenos.

O festival conta coa colaboración da Deputación provincial de Ourense, e a entrada aos diferentes espectáculos e actividades é completamente gratuíta.

Programa

"Filipa cos contos" de Títeres Bandullo Azul, inaugurou onte a programación do XII Festival de Títeres do Carballiño. Para hoxe está previsto o espectáculo "Gyrovagus", ademais dun obradoiro de monicreques a cargo de Micromina Títeres. O festival continuará mañá con "Xan das Ondas", xunto cun novo obradoiro, dirixido por Barafunda. O día 20, "O Show de Barallocas", de Marionetas Trécola e o 21, "Estrafalaria" e xornada de xogos, con Xarope Tulú.

Te puede interesar