Os pescadores estrean a nova sede social ó carón do camping

A sede social dos pescadores, xunto ó camping municipal. (Foto: Martiño Pinal)
O edificio da Escola Museo de Pesca, construido polo Concello do Carballiño cos fondos do plan Agader, acolle a sede social do colectivo de pescadores, que renunciou a ocupar a antiga Casa do Peón na avenida residencial.
A Sociedade de Pesca Deportiva ‘Arenteiro’ xa dispón dunha sede social no edificio destinado a escola e museo de pesca que está ubicado ó carón do camping municipal do Carballiño.

‘O Concello cedeunos este local e xa instalamos alí unha oficina de atención ós socios para recoller os carnés e os talonarios de permisos para esta tempada’, sinala Alfonso Carballeda, presidente do colectivo deportivo.

Deste xeito, a entidade de pescadores renunciou a facerse cargo do acondicionamento da antiga Casa do Peón, situada na avenida residencial, e que lles fora cedida polo Concello carballiñés tra-lo traspaso da Consellería de Política Territorial. A Escola Museo de Pesca viña sendo utilizada pola Concellería de Turismo para ofertar ós visitantes o uso das novas tecnoloxías, coma correo electrónico e internet.

Un local con 96.000 euros de custe

O inmoble que acolle o local social da entidade de pescadores, que agrupa a uns 300 afecionados ó deporte da caña e o sedal, foi promovido hai 10 anos polo Concello do Carballiño e financiado cun investimento de 96.000 euros dos fondos do programa de desenvolvemento rural (Agader). O edificio dispón dunha pequena oficiña, aseos, almacén e unha sala anexa para a realización de xuntanzas e conferencias, con conexión á rede informática.




Te puede interesar