Un proxecto permitirá acoller 450 cans no refuxio da Medela

Instalacións da canceira carballiñesa na Medela. (Foto: Martiño Pinal )
A canceira municipal do Carballiño duplicará a súa capacidade unha vez executado un proxecto de ampliación que aprobou a Deputación provincial. Ademais, as instalacións serán dotadas dunha depuradora ecolóxica.
O refuxo de animais ubicado no monte da Medela, no Carballiño, será obxecto dunhas obras de ampliación que suporán duplicar a capacidade de acollida do recinto. O concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García Nóvoa, anunciou onte que ‘a Deputación provincial vén de aprobar o correspondente proxecto, que ascende a 21.000 euros, dentro dun plan xeral de dotación deste tipo de infraestructuras para tódalas comarcas ourensanas’.

Os traballos consistirán na construcción de novas casetas e valados para aloxar a un total de 450 cans, tendo en conta que o refuxio vai proporcionar cobertura ós nove concellos da comarca, cos que se firmará un convenio ó traverso da creación dun padroado, tal e como foi acordado o ano pasado pola Corporación do Carballiño.

Depuradora

O edil nacionalista lembrou que ‘a institución provincial tamén financiará a construcción de vestiarios para o persoal de mantemento do recinto e dunha sala veterinaria para atender os animais enfermos’.

Por outra banda, o Concello presentou ó Ministerio de Política Territorial un proxecto para a instalación dunha depuradora de residuos, para a súa inclusión no Fondo Estatal de Infraestructuras (FEIL), cun orzamento aproximado de 25.000 euros.


Te puede interesar