O PSOE insta a promover un obradoiro en Punxín para recuperar o patrimonio

As concelleiras pídenlle ao Goberno local que negocie con outros concellos para compartir o taller de emprego

 O PSdeG-PSOE de Punxín defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que instan ao goberno municipal a que se “comprometa” á creación dun obradoiro de emprego. As concelleiras socialistas  tamén lle piden ao goberno que se proceda a iniciar as negociacións necesarias cos concellos da comarca, ou de comarcas limítrofes, co obxectivo de incluír a Punxín na solicitude da próxima convocatoria dun obradoiro de emprego compartido. 

Este grupo da oposición considera que a falta de emprego no municipio “é unha realidade e unha clara evidencia que coñece toda a veciñanza”, motivo polo que lle piden ao goberno local, conformado polo PP e un concelleiro non adscrito, que actúe de “xeito decidido, ofrecendo posibilidades non só de emprego directo, senón tamén de formación para que os nosos veciños incrementen as súas posibilidades e garantías de inserción laboral”.

As concelleiras socialistas tamén insisten en que ademais da falta de emprego, outro dos puntos candentes “é o abandono e desleixo” que sofre gran parte do patrimonio, froito, segundo aseguran, da “pasividade do goberno municipal”. Apuntan a que varios muíños, fontes, fornos, lavadoiros ou eiras se atopan “totalmente esquecidos” polo goberno municipal, a pesar das “continuas queixas e reclamacións”, que fan tanto dende este grupo como por parte da veciñanza.

Segundo a portavoz, Lorena Peleteiro, a creación dun obradoiro de emprego permitiría conxugar dous dos principais problemas  como son “o desemprego e a falta de conservación do patrimonio”.

Te puede interesar