Sanidade pide a cesión da parcela para construír o centro de saúde

A Xunta pon a disposición dos concellos ós técnicos para elexir os terreos máis adecuados

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de remitir cartas aos alcaldes dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde, entre os que figuran Carballiño e Boborás, para que poñan a disposición da Administración autonómica as parcelas necesarias para executar os proxectos. A Xunta pon ao servizo dos concellos ao persoal técnico do Sergas para visitar e avaliar aquelas parcelas que podan cumprir coas necesidades de edificabilidade das infraestruturas proxectadas. 

O Concello de Boborás xa dispón dos terreos necesarios, mentres Carballiño aínda busca a ubicación máis adecuada, barallando varias alternativas.

Na misiva solicítase a pronta achega, por parte do concello, dunha parcela viable para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento do novo centro.

Os criterios fundamentais que se tiveron en conta para establecer a priorización destas futuras actuacións foron tanto técnicas como asistenciais, valorando circunstancias como a antigüidade dos actuais centros ou o seu estado de conservación, así como as carencias funcionais e operativas que as áreas atopan neles para adaptalos ás necesidades actuais de asistencia sanitaria.

Para facilitar a localización das parcelas, o conselleiro indicou a cada concello os metros cadrados de edificabilidade necesarios para o centro.

Te puede interesar