Francisco Fumega asegura que 'a oposición á planta do Irixo é maioritaria entre os cidadáns'

Os socialistas instan á Xunta a decidir sobre a incineradora

Dopazo, Ordóñez, Rodriguez, Fumega, Fernández, Álvarez y Otero, na comparecencia. (Foto: M. PINAL)
O PSdeG-PSOE da comarca manterá a súa liña de deseño dun Plan de Residuos para Galicia no que a incineración está descartada, e, nese sentido, esixe do actual Goberno autonómico que desbote o proxecto de ubicación, no municipio do Irixo, dunha planta de tratamento baseada preferentemente na queima do lixo.
Unha postura que foi posta de manifesto, ó mediodía de onte, nunha comparecencia dos voceiros socialistas nas Corporacións de Cea, San Amaro, O Irixo, Carballiño, Piñor e Boborás, e do rexedor de Maside, Celso Fernández. A tenente de alcalde de Piñor, Sandra Álvarez, expresou que 'o proceso de incineración estaba xa descartado cando gobernamos na Xunta'. A tamén responsable de Medio Ambiente na executiva provincial do PSdeG engadiu que 'o señor Feijóo non foi capaz, nestes tres anos e medio, de solucionar o problema dos residuos'.

Pola súa banda, Francisco Fumega, voceiro carballiñés e secretario comarcal, agradeceu as mobilizacións das plataformas cidadáns do Irixo, Carballiño e Lalín, 'e esiximos, ó igual que elas e a maioría dos cidadáns, o rexeitamento rotundo da Xunta' contra a planta proxectada pola empresa Estela Eólica en montes comunais da parroquia de O Campo.

Ó respecto, o concelleiro socialista no Irixo, Xavier Rodríguez, reclamou 'o remate das disputas entre os veciños diste municipio, para que volva o clima anterior de tranquilidade'.

Un clima de enfrentamentos que incluso chegou ó punto de amenazas en internet ó tenente de alcalde, Manuel Cerdeira, de boicotear a súa voda ou da suspensión da 'Festa do Cabalo', que el mesmo coordenaba cada primeiro domingo do mes de agosto. Mentres, o proxecto da planta de residuos aínda segue os seus trámites na Consellería de Industria, onde os técnicos deberán da-lo seu visto bó, para logo remitilo ó departamento de Medio Ambiente, a fin da avaliación de impacto ambiental.

As previsións de Estela Eólica estaban cifradas nun investimento de 230 millóns de euros e a creación dun total de 250 postos de traballo directos, para o tratamento dun total de 300.000 toneladas de lixo anuais, con seccións para xestionar 16.000 toneladas de envases lixeiros e outras 40.000 toneladas de residuos orgánicos para a compostaxe.

Te puede interesar