POLÉMICO

A web da Festa do Pulpo enfrenta a PP e goberno local

photo_camera Ambiente da Festa do Pulpo do Carballiño.

Marnotes móstrase indignado polo peche, que os socialistas xustifican pola débeda herdada

A web, pechada, da Festa do Pulpo ven de enfrontar a PP e goberno de Carballiño. Os conservadores manifestaron a súa indignación polo que considera unha "irresponsabilidade do grupo socialista de goberno, que en vésperas dunha nova edición da Festa do Pulpo mantén pechada a páxina web deste evento”, segundo afirma o portavoz, Argimiro Marnotes, quen matiza que o peche xa se ven producindo dende fai varios meses. Marnotes explicou que o peche se explica pola falta de pago da páxina no mantemento e espazo na rede.

Marnotes lembra as preto de 40.000 visitas que recibía esta páxina, “das que 15.000 son dende o estranxeiro”. Por iso, insta ao alcalde a unha solución, “pois unha festa desta relevancia non se pode permitir que permaneza illada da demanda de información que ten a través das novas tecnoloxías”.

Mentras, o portavoz socialista, Adolfo Nogueira, matiza que se está pechada é porque o anterior goberno popular deixou sen pagar dous anos de mantemento a razón de 2.400 euros por ano, despois de gastar 24.000 euros na súa creación, que "é unha barbaridade porque só se utilizou na semana da festa". Nogueira explica que a páxina "vaise fundir coa web do Concello, que necesita un cambio no que se está traballando, e onde haberá un enlace para a Festa do Pulpo". O portavoz asegurou que a festa "está presente en tódalas redes sociais; nunca estivo máis promocionada".

Te puede interesar