Ecoagro

Xornada informativa para recuperar a terra no Irixo

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro telemático co alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, para coñecer as necesidades e demandas relativas ao agro dos veciños deste municipio e afondar nas posibles melloras nas súas infraestruturas. Neste senso, o conselleiro e o rexedor municipal acordaron levar a cabo unha xornada informativa sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia no mes de setembro.

Esta acción celebrarase co propósito de explicar aos veciños da localidade as oportunidades derivadas desta lei no relativo á xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación. O texto legal ten como obxectivo poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan. Deste xeito, conséguese unha anticipación ante os lumes forestais, ao mesmo tempo que se traballa pola recuperación demográfica e o asentamento no rural.

Doutra banda, o conselleiro lembrou que o Concello do Irixo beneficiouse dun total de 115.150 euros nas últimas tres convocatorias do Plan Marco.

Te puede interesar