Xóvenes de Maside e Carballiño celebrarán unha convivencia no camping municipal

O alcalde de Maside, Celso Fernández, e o concelleiro de Turismo e Deportes do Carballiño, Manuel Dacal, asinaron onte un convenio de intercambio para o desenvolvemento dun intercambio de actividades xuvenís, que se levarán a cabo neste mes de xullo.
Deste xeito, os máis de 100 rapaces inscritos no campus deportivo ‘Impulso’ poderán desplazarse os mércores e venres ata as piscinas de A Rañoa, en Maside, ‘tendo en conta que as instalacións de recreo que posuimos no Carballiño estarán pechadas por obras de reforma’, indicou Manuel Dacal.

Uns autocares trasladarán ós xóvenes deportistas ás 9.50 horas dende a Praza do Emigrante, con regreso ás 13.30 horas, nos días reservados para as competicións acuáticas. Pola súa banda, Celso Fernández adiantou que ‘tamén neste mes organizaremos unha xornada de convivencia no camping municipal do Carballiño entre rapaces de ambolosdous concellos, na que haberá rutas de senderirismo, visitas guiadas ó museo etnográfico e xogos no parque carballiñés’.

Sen móbiles

O concelleiro de Deportes recomendou ‘a tódolos nenos e nenas que acudan a esta acampada que leven protección solar e calzado axeitado, e que teñan en conta que están totalmente prohibidos os teléfonos móbiles ou calquera tipo de xogo informático, xa que o que interesa e a interrelación entre todos eles’. O rexedor de Maside asegurou que ‘as piscinas da Rañoa abrirán o vindeiro venres ou o luns, dependendo dos resultados dos inspectores sanitarios, e permanecerán en servizo ata mediados do mes de setembro’.

Te puede interesar