A Corporación municipal acordou instar á Xunta a conquerir un consenso co Obispado

O xulgado decidirá os lindes do contorno de A Veracruz

Un grupo de feligreses acudiu ó pleno da Corporación. (Foto: Martiño Pinal)
As dúbidas encol da titularidade dos terreos situados no adro do templo de A Veracruz, que se atribúe a Diócesis de Ourense e o Concello, motivaron a presentación por parte do Obispado dun interdicto ante o Xulgado de Instrucción do Carballiño. Neste documento, os representantes diocesanos solicitan a modificación do proxecto de urbanización do contorno da igrexa parroquial, que na actualidade executa a Consellería de Infraestructuras.
Ademais, o Obispado tamén pide a intermediación xudicial para acotar os lindes da superficie (aproximadamente 1.700 metros cadrados) que consideran é da súa propiedade, de xeito que non autorizará ningunha obra nesta zona, incluida no citado proxecto. Este extremo foi tratado no decurso da sesión plenaria que, con carácter extraordinario, reuniu no mediodía de onte á Corporación municipal.

Precisamente, o punto central do debate foi unha proposta da alcaldía para instar a Xunta a conquerir un consenso entre Patrimonio, Obispado, Concello e o equipo redactor da urbanización co obxectivo de non deter os traballos, e que estes se manteñan nos terreos da parte norte do templo, que si son de titularidade municipal. Ó respecto, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Amil, apuntou que 'agora non ten sentido que se executen obras no adro e tampouco na parte das rúas Cerca e Os Canteiros que son do Concello, mentres non haxa unha resolución xudicial'.

A moción do equipo de goberno do Carballiño foi aprobada pola maioría (PSOE e BNG), mentres o PP amosou a súa abstención. O voceiro 'popular', Argimiro Marnotes, indicou que 'no caso de rematar a parte norte, teriamos outra nova desfeita urbanística ó redor da Veracruz, cunha praza dun estilo por un lado e outra, onde non se vai construir, do outro'.

O alcalde, Carlos Montes, defendeu a postura de seguir cos traballos actuais 'mentres non haxa un acordo co Obispado, a fin de acatar os prazos fixados no convenio asinado hai dous anos coa Xunta'. Un grupo de feligreses, na súa meirande parte mulleres, asistiron ó pleno, ó igual que representantes da plataforma cidadan que rexeita o seu deseño, e que hoxe anunciarán a toma de medidas.

Te puede interesar