Cultura

Arnoia acolle a primeira cita do "Espírito Ribeiro"

Dende as oito da tarde, actuarán Cañita Brava, A Roda e Os Fabulosos Weekend, no parque de A Queixeira

A localidade de Arnoia acolle hoxe a primeira xornada do “Espírito Ribeiro”, o festival que na súa segunda edición mestura a música e a gastronomía da comarca vitivinícola baixo o patrocinio da Deputación provincial., e que na vindeira fin de semana tamén terá etapas en Castrelo de Miño e Cenlle.

A xornada inaugural celebraráse na paraxe natural de A Queixeira, en Arnoia, dende as 20,00 horas, coa actuación de Cañita Brava, a agrupación de música tradicional galega A Roda e, para rematar, o grupo de versións liderado polo actor Manuel Manquiña, Os Fabulosos Weekend, que repasará algúns dos mellores temas da música pop. 

Os asistentes ao evento terán a oportunidade de degustar viños das adegas e dos colleiteiros Alberte, Tear dos Dodi, Mauro Estévez, Eloi Lorenzo e Son de Arrieiro, todos eles amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro. Asemade, tamén poderán mercar nas tendas do mercado de proximidade instalado na Queixeira, onde haberá doces, mel,  pementos, queixos, vinagres, biscoitos e xeados, entre outros produtos elaborados por artesáns. E, para cear, catro ‘food trucks’ aportarán todo o necesario.

Mañá sábado, o “Espírito Ribeiro” trasládase a Castrelo de Miño, co dúo Roto e Descosida; Roi Casal, un dos referentes da nova xeración musical galega, e, como peche da xornada, o espectáculo  “Ciao Raffaella”, unha homenaxe póstuma á artista italiana a través dos seus clásicos.

Te puede interesar