MIT DE RIBADAVIA

O artesán escénico Manolo Alcántara despide a MIT

MIT RIBADAVIA DIA 24 JULIO (MARTIÑO PINAL)
photo_camera Representación de “Cris, pequeña valiente” de El espejo negro, este sábado no Auditorio Manuel María. (Foto: Martiño Pinal).
O circo contemporáneo é o protagonista da última xornada da Mostra Internacional de Teatro

O Auditorio Rubén García, do Castelo, acolle ás 23,00 horas a obra “Déjà vu” da compañía catalana Manolo Alcántara, nesta última xornada da Mostra Internacional de Teatro, cuxa autoría é do propio artista que lle dá nome a agrupación. “Es un espectáculo de circo contemporáneo, con un toque personal, más conceptual, haciendo un circo muy intuitivo donde se encuentra más sugerencias que explicaciones gráficas”, explica Alcántara sobre esta obra que achega ao público o día a día dunha personaxe e a distancia que o separa entre como é e como lle houbese gustado ser.

Dende a organización da Mostra definen a Manolo Alcántara como un “artesán escénico”, xa que el e os seus compañeiros traballan máis alá da posta en escena, “desde la pasión nos hacemos todo nosotros, son espectáculos que se montan en tres años, creados capa a capa por nosotros, desde música, escenografía, luces, sonido…”, sinala o creador, que afirma que os seus espectáculos son posibles porque “el corazón pone la pasión, el estómago la intención, además de que los 25 años sobre los escenarios influyen”.

Este artesán escénico e os seus catro compañeiros foron elixidos para a clausura da MIT porque, segundo explican dende a organización, o seu traballo ven precedido por varios premios e ten unha dimensión festiva e celebrativa que encaixa no peche desta edición: “Manolo Alcántara é un artista contemporáneo que ten en conta a experimentación, a vangarda e a artesanía tradicional, isto reflexa un pouco o que significa este festival”, sinala Roberto Pascual, o seu director.

O circo contemporáneo será protagonista na cita dominical e así o exemplificarán tamén os andaluces Vol’e Temps, gañadores do Premio Fetén 2019, coa súa proposta de circo acrobático e teatro xestual “Distans”, un espectáculo orgánico, sensible e divertido, ás 21,00 horas na Alameda de Ribadavia. 

A 37ª edición da Mostra de Teatro tamén acollerá na quenda da mañá, ás 12,00 horas, na Igrexa da Madalena, a actividade “Dramiturga”, un torneo de presentación de pezas de 6 dramaturgos galegos e portugueses, onde o público escolle cal é a peza gañadora, tras compolas e rescribilas polos seus compañeiros. “Dramiturga” xira arredor da dramaturxia para poñer en valor a escrita teatral e visibilizar as persoas que traballan nisto a actualmente.

Para poñer o broche final realizarase dentro dos Foros MIT, ás 00,30 horas, un coloquio coa compañía no Patio de Turismo, “unha actividade moi importante para nós, xa que non queremos limitarnos a exposición”, explica Pascual, que remarca que “a arte escénica non é cuestión de gustos, e o teatro non remata nos escenarios, continúa en talleres e actividades”.

O resultado do festival é "tremendamente positivo": aforo completo en todas as ctias

Esta 37ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia deixou na organización un bo sabor de boca, xa que como definiu o seu director Roberto Pascual, “o balance que facemos deste ano foi tremendamente positivo”, completando aforo en todos os espectáculos, “todo o que puidemos vender, vendeuse e ás veces con moita antelación”, algo que deixou a moita xente sen poder desfrutar dos diferentes espazos de Ribadavia, “que agardan para que pase todo isto e poder celebrar a MIT coa ocupación do 100% e non do 75% como neste ano”, sinalou Pascual.

Baixo o lema “A arte marca a diferenza”, os escenarios deixaron ver figuras internacionais, estatais e galegas como Jan Lauwers e a súa Needcompany, Voadora, Señor Serrano, Atalaya Teatro ou Teatro en Vilo, entre moitas outras.

Te puede interesar