A biblioteca volve gañar o premio María Moliner

Unha das actividades da biblioteca.
photo_camera Unha das actividades da biblioteca.
No programa galardonado participaron 200 alumnos de Ribadavia

Un ano máis, a Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia vén de acadar o Premio María Moliner de fomento da lectura, e xa son sete os galardóns recibidos nestes últimos anos. Nesta ocasión, o proxecto premiado foi o desenvolvido no segundo semestre do pasado ano e tiña a denominación “Biblioteca+colexio=superfomento lector”.

Ao respecto, Teresa Rivela, responsable da biblioteca ribadaviense, lembra que “presentemos o proxecto á convocatoria extraordinaria que se fai do premio no segundo semestre de 2021, e o ano pasado gañamos o correspondente á convocatoria do mes de abril”.

Dentro da programación deste proxecto, no que participaron ao redor de 200 rapaces do CRA Amencer (escolas públicas das parroquias do rural) e do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, atopábanse unha exposición e unha mostra bibliográfica para dar a coñecer aos nenos e nenas a figura de Emilia Pardo Bazán.

Ademais, contempláronse outras actividades máis lúdicas, tales como Debulendo Lendas, no que os cativos tiveron a oportunidade de escoitar lendas galegas, ou  Contos do Mundo, da asociación Solidaridade Internacional de Galicia, na que as lendas procedían de países sudamericanos,  e, deste xeito, poder comparalas coas nosas, según apuntan dende iste servizo cultural do Concello.

Por outra banda, tamén foi posto en marcha un programa orientado ao fomento da igualdade de xénero, coma foi o caso de A Bruxa Chispum, unha montaxe  de Teatro Calavera, que daba unha visión distinta das meigas como alquimistas ou naturistas, e non as malas dos contos.

O Premio María Moliner está dotado este ano con 2.777 euros, que terán que ser destinados para fondos da propia biblioteca, algo que supón, ano tras ano, un aforro para o Concello en canto a inversión bibliográfica.

Te puede interesar