O BNG pide a Xesús Vázquez a creación do Museo do Viño

O BNG de Ribadavia aproveita o nomeamento de Xesús Vázquez á fronte do departamento galego de Cultura para demandar que remate a 'absoluta parálise que se produciu en Ribadavia dende o cambio de goberno que levou a Núñez Feijóo á presidencia da Xunta'.
O portavoz do grupo municipal, Anxo Collarte, referiuse á paralización da posta en marcha do Museo Galego do Viño, 'que supón un freo á recuperación do patrimonio cultural de carácter vitivinícola galego, ó desenvolvemento turístico e á dinamización do sector do viño do Ribeiro', sinalou.

Tamén chama a atención sobre a 'ausencia de actuacións no plan director do castelo de Ribadavia dende 2009' e, finalmente, refírese á 'falla de compromiso coa dimensión que a Mostra Internacional de Teatro ten para a cultura galega'.

Por todo isto, o BNG propón ó conselleiro que comece por ter en conta á cidadanía de Ribadavia, 'aspecto que esqueceu nos conflitos educativos, e atenda ás numerosas entidades asociativas, en especial ás que manteñen a reivindicación da apertura do Museo Galego do Viño'.

Te puede interesar