O BNG respalda en Ribadavia un contrato para a uva do Ribeiro

Os concelleiros do BNG de Ribadavia, Anxo Collarte e Edmundo Araújo lamentan que unha vez rematada a vendima o Ribeiro siga sen un contrato homologado que ampare á produción de uva da Denominación de Orixe e de estabilidade para o traballo de adegas e viticultores, favorecendo o camiño de mellora da calidade que os viños do Ribeiro acadaron nos últimos anos.
Os nacionalistas lembran que o BNG, no exercicio das súas responsabilidades na Consellería do Medio Rural impulsou o contrato vixente ate a pasada colleita de 2010, representando un importante factor de fixación de prezos remuneradores e calidades para a uva na comarca.

O voceiro na Corporación ribadaviense, Anxo Collarte, considera que 'o contrato homologado no Ribeiro é imprescindible para o futuro da comarca pois aporta estabilidade de prezos a longo prazo e permite que os viticultores afronten investimentos para reestructurar as súas viñas'.

Ademais, os concelleiros do BNG apuntan que a Cooperativa Vitivinícola e as outras adegas que respaldan a sinatura dun novo contrato homologado 'poñen de manifesto que son moito máis conscientes da súa responsabilidade social coa comarca cá propia Xunta'.

Te puede interesar