O BNG ribadaviense pide ventaxas fiscais para gañar veciños

A céntrica rúa Progreso de Ribadavia.
photo_camera A céntrica rúa Progreso de Ribadavia.
Os nacionalistas instan a solicitar a declaración de áreas de rehabilitación para outros núcleos do municipio

O grupo municipal do BNG de Ribadavia defenderá no pleno unha moción mediante a que propón medidas para que o Concello aproveite a súa “privilexiada situación para atraer poboación a través do acceso á vivenda privada actualmente desocupada”, indica.

Desta maneira, propón que se apliquen desgravacións fiscais en impostos municipais (Imposto sobre Bens Inmobles, Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) ás vivendas particulares desocupadas que sexan rehabilitadas e pasen a ser habitadas tanto en réxime de aluguer como de compravenda. 

Asimesmo, a posta a disposición como vivenda de alugueiro social dos inmobles propiedade de Adif localizados na estación de ferrocarril.

Tamén pretende que o Concello solicite a declaración como Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) de todos os núcleos urbanos situados no concello de Ribadavia que poden ser declarados como ARI e, finalmente, a creación dun catálogo público de vivenda a alugar e rehabilitar, para por en contacto a propietarios e interesados en vivir no noso concello e dinamizar a rehabilitación e ocupación do parque de vivenda xa existente.

“Os últimos datos sinalan unha poboación empadroada de 5.005 persoas, polo que cada ano o noso concello atópase máis preto de baixar dos 5.000 habitantes”, sinala o BNG, considerando que “os cambios que se están a producir coa pandemia indican que Ribadavia pode atraer poboación”.

Te puede interesar