Museo do Viño en Ribadavia

Boa música e bo viño en Ribadavia

Blues do País, unha das propostas musicais do CataSonora.
photo_camera Blues do País, unha das propostas musicais do CataSonora.
Feliz coma “un neno no seu primeiro día de Reis”, trala pandemia, os músicos que participarán nol ciclo de concertos do Museo do Viño en Ribadavia están expectantes respecto do contacto cun público que, estando sentado e parado, din, parece representar “maniquíes”

Co Museo do Viño de Galicia por escenario, os xoves 24 de xuño, 29 de xullo, 26 de agosto e 30 de setembro terá lugar “CataSonora”, un ciclo de concertos que promete a mellor mestura entre música e viño xusto no berce da enoloxía galega por excelencia, en plena comarca do Ribeiro, na monumental casa reitoral de Santo André de Camporredondo de Ribadavia.

Patrocinado polo Museo do Viño de Galicia e con José Lameiras como organizador, o ciclo de concertos CataSonora contará coa presenza o xoves 24 de xuño de Míster Cool, cuxo nome real é Ramón Orencio e ademais de ser cantante e guitarrista desenvolveu a súa carreira artística de moitas maneiras diferentes, como trompetista, percusionista, arranxista e compositor, ademais de actor e guionista. E en canto ó musical se refire, deleitará ó público con jazz, boleros, bossa nova e swing.

O xoves 29 de xullo será a quenda de Víctor Aneiros, considerado un dos pioneiros do blues-rock en galego. Comezou a súa carreira en solitario en 1999 e ten editados discos como “Que el blues te acompañe”, “Live in Montreux” ou “Blues do amencer”. Nesta ocasión acompañado por Fran Rey no piano.

Las Cruzes pondrá o toque desenfadado ó ciclo, o xoves 26 de agosto. Trátase dun dúo cunha proposta de electrónica, punk e jazz tan estrana como poden ser os seus dous compoñentes, que levan máis de 10 anos tocando xuntos en bandas como Orquesta Panánico, Uppercut ou Abuela o Te Quiero. Armado cun teclado midi e batería nun proxecto sen guitarras nin baixo, ás veces soa a un videoxogo e ás veces a samplers de jazz para presentar unha singular mestura de estados de ánimo. E para escoitar as versións dos temas máis clásicos do blues, o soul e o rhythm’n’blues adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas, o xoves 30 de setembro actuará Blues Do País: Bieitta James, a grande Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King, o Bluesmanciño que a acompaña (Brais das Hortas). Otis Redding no peirao da Coruña, ou Etta James mariscando en Cabo da Crus, B.B. King nun furancho en Redondela ou Eric Clapton lendo a Castelao. Todo iso é posible con Blues Do País.

Con realización na terraza exterior do museo, os concertos comezan ás 20,30 horas, con entrada gratuita e sen reserva de prazas, nun particular rencontro dos músicos participantes na proposta co público pospandemia, que, claro, incluirá máscaras e ubicación en cadeiras.

Te puede interesar