ARQUEOLOXÍA

Castrelo dará continuidade ás excavacións en Santa Lucía

<p></p>
photo_camera Fermín Pérez ensina as excavacións a Xurxo Rodríguez, á esquerda, Virxilio Rodríguez e Reboreda.

O equipo arqueolóxico da Universidade de Vigo descubriú un lagar no castro galaico-romano

As intervencións efectuadas polo grupo de estudos de Arqueoloxía da Universidade de Vigo no castro de Santa Lucía terán continuidade nos vindeiros anos co apoio do Concello de Castrelo de Miño, municipio onde se ubica este antiguo núcleo urbán de orixe céltica e romana. Así o expresou o alcalde, Xurxo Rodríguez, durante a visita que realizou onte ós traballos xunto co vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e a decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda.

O Concello pretende renovar o convenio coa Universidade, que fixo posible, dende a primeira semana de agosto e ata o mesmo día de onte, levar a cabo unhas sondaxes no castro que permitiron documentar a súa ocupación castrexa e galaico-romana ata o século III, e deixar ó descuberto estruturas como unha vivenda castrexa circular, numerosos restos (moedas, fíbulas e vasixas) e un lagar galaico-romano que evidencia as antigas orixes da tradición vitivinícola da zona.

"Os resultados dos traballos realizados xa se poden ver e unha vez máis iniciativas coma esta demostran as capacidades dos nosos grupos de investigación", suliñou o vicerreitor. "Esta foi unha primeira campaña nun xacemento descoñecido, e polo tanto o noso obxectivo era empezar a coñecelo a través desas sondaxes", comentou Fermín Pérez, director da excavación. E apuntou tamén que "a descuberta dunha cabana ou vivenda circular en moi bó estado e poder datar e descubrir ao completo o lagar, algo único en Galicia, foron dúas sorpresas moi gratas". No equipo traballaron, en dúas quendas, un total de 18 estudantes de Historia e titulacións afíns das universidades de Vigo, Santiago, Alicante, Murcia e Barcelona. Rematadas as tarefas de campo, o proxecto continuará no laboratorio, onde os arqueólogos procederán ó estudo dos restos e á interpretación de tódolos datos obtidos con vistas á redacción de informes, memorias e publicacións científicas.

Te puede interesar