O RIBEIRO

Castrelo exhíbese cunha ruta de tapas

Será o 18, 19 e 20 de marzo, organizada polo Concello, e contando coa hostalería e as adegas

O concello de Castrelo de Miño, en colaboración coas adegas deste municipio e os establecementos Restaurante Parque Náutico, Café Bar Cuco e Bar Ludeiro, organiza unha ruta de tapas "Castrelosabe", que terá lugar os próximos días 18, 19 e 20 de marzo. Cada un dos establecementos participantes será o protagonista dun dos días da ruta, empezando o venres en Cortiñas, no Restaurante Parque Náutico, no que se poderá degustar a súa tapa especial: espeto de polbo, chipirón e gamba con pataca e pemento.

"Castelosabe" continuará ao día seguinte, sábado, en Macendo, onde o Café Bar Cuco, presentará a tapa que consiste en miniempanadillas de tenreira estofada con pementos e cebola confitada.

A última xornada será o domingo, en Vide, no Bar Ludeiro que ofrecerá ameixas ao Ludeiro, fideuá con polbo, e carne braseada con pementos.

O prezo de cada tapa será de 1,5 euros e o horario de degustación será entre as 18,00 e as 21,00 horas.

Esta actividade, encamiñada a promocionar a hostalería e os viños da zona, terá un doble atractivo, xa que os consumidores recibirán un boleto por cada tapa consumida, para puntuar cada unha delas, o que lles dará dereito a participar nun sorteo final dunha invitación para que dúas persoas realicen o circuito termal do "Balneario de Cortegada"; unha noite para unha parella nas "Casiñas de Ribadavia"; tres lotes de produtos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e varios lotes de viño das adegas de Castrelo de Miño que partipan habitualmente nos eventos promocionais e gastronómicos do Concello.

O sorteo e a entrega dos galardóns á mellor tapa, realizaranse na Feira de Castrelo do mes de marzo, que terá lugar o derradeiro domingo de mes, o día 27, a partires das 13,00 horas, no recinto ferial do Parque Náutico. Trátase dunha iniciativa encamiñada a promocionar o municipio de Castrelo.

Te puede interesar