Concello

Castrelo invirte 73.000 euros en mellorar infraestruturas

Entre as obras destacan asfaltados de camiños en Bouza e Ramirás e mellora dos accesos a parcelas agrícolas

O Concello de Castrelo de Miño beneficiase de axudas destinadas á mellora das infraestruturas rurais por un importe de 73.000 euros entre os anos 2020 e 2021. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, na que se fixo un balance dos proxectos neste municipio.

Así, foi aprobada a obra de asfaltado de camiños nos núcleos da Bouza e Ramirás, dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) do ano 2020, unhas actuacións que se levarán a cabo ao longo deste exercicio. O titular de Medio Rural lembrou que no Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o Concello de Castrelo de Miño ten adxudicada unha contía de 33.500 euros. Estas achegas van destinadas a facilitarlles aos concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño.

Así mesmo, tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme e a limpeza das marxes do camiño.

Te puede interesar