O Castro de San Vicenzo en Avión ten nova campaña de escavacións

Visita ao xacemento de San Vicenzo.
photo_camera Visita ao xacemento de San Vicenzo.
A intervención execútase nunha área entre os 80 e 100 metros cuadrados, en varias sondaxes

Un equipo de arqueólogos leva a cabo unha escavación no Castro de San Vicenzo, no Concello de Avión, nunha área entre os 80 e 100 metros cadrados, distribuída en varias sondaxes ao longo do xacemento, e que unha vez rematada a intervención deberanse tapar empregando un elemento separador. Así o explica o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, que supervisou as novas actuacións arqueolóxicas de investigación e posta en valor deste xacemento, acompañado do alcalde, Antonio Montero.

A recollida de mostras serán datadas por C14, e levarase a cabo o levantamento topográfico xeorreferenciado mediante fotogrametría 3D da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Tamén se realizarán vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do conxunto do xacemento e de detalle dos seus elementos máis significativos.

O xacemento arqueolóxico localízase nun amplo outeiro na marxe dereita do río Avia, na parroquia dos Santos Xusto e Pastor de Avión, no monte comunal.

O asentamento está conformado por unha serie de recintos aterrados que aproveitan a orografía do propio outeiro. Conta cun completo e potente sistema defensivo conformado por tres liñas defensivas construídas en pedra, máis unha cuarta formada por un parapeto de terra. No recinto superior identificáronse unha serie de estruturas circulares realizadas en mampostería. Tamén se localizó sobre un bolo granítico unha combinación de oito coviñas.

Protexido polo PXOM do Concello

Este xacemento arqueolóxico figura protexido no catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Avión e no catálogo de bens culturais do Plan Básico Autonómico de Galicia. Ten ademais a condición de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

En xaneiro do ano 2023 levouse a cabo unha intervención de roza e limpeza vexetal no que se liberou de masa forestal a totalidade da superficie ocupada.

“Bens arqueolóxicos como o Castro de San Vicenzo xogan un papel fundamental no rico patrimonio cultural de Galicia, tanto pola súa calidade como pola súa capacidade para ser testemuña do noso pasado máis senlleiro”, sinalou Gabriel Alén

Te puede interesar