César Fernández seguirá ao frente do PP ribadaviense

César Fernández, no acto de entrega de avales.
photo_camera César Fernández, no acto de entrega de avales.

O comité organizador dos Congresos extraordinarios do Partido Popular de Ourense proclamou onte a César Fernández como candidato único á presidencia da agrupación local en Ribadavia, unha vez comprobada a validez de todos os apoios presentados.

 O xa candidato aspira así a reelección como presidente desta xunta local no cónclave previsto para o próximo día 22 de Xullo. César Fernández agradeceu o apoio recibido entre a militancia “para asumir novamente o reto de presidir o PP neste municipio”. Un paso que afirma dar “coa máxima responsabilidade e ilusión”, ao tempo que formula a principal meta que debe afrontar neste novo período: “O obxectivo claro e irrenunciable de recuperar a alcaldía de Ribadavia para o Partido Popular”.

Tralo remate do congreso e desde o primeiro minuto, asegura Fernández, “será a miña obriga comezar a traballar para alcanzar este obxectivo”.

O candidato quere que o partido sexa “unha ferramenta útil para que as veciñas e veciños de Ribadavia recuperen a ilusión”, que tamén deben aspirar a que “o Concello de Ribadavia volva a ter o esplendor e a posición de liderado que tivo na comarca como capital do Ribeiro”.

César Fernández, vicepresidente da Deputación, foi alcalde de Ribadavia desde Xuño de 2019, gobernando en minoría con cinco de 13 concelleiros, ata que, en Febreiro de 2021, perdeu a alcaldía por unha moción de censura apoiada por PSOE e Ribeiro en Común, pasando a socialista Noelia Rodríguez a presidir a Corporación.

Te puede interesar