ChegOU pecha 2021 cunha axuda a un bebé de Beariz

Entrega a última ourensá nacida o 31 de decembro de 2021 do programa "ChegOU" a "Cloe" veciña do concello de Bearíz e acompañada da súa nai Leticia Domínguez Ramos, de Luz Doporto Real (Deputada provincial) e Manuel Prado López (Alcalde do concello de Beariz).
photo_camera Manuel Prado, Leticia Domínguez, co bebé, e Luz Doporto.
Beneficiáronse en total 1.035 familias en 2021 das axudas á natalidade que ofrece a Deputación de Ourense

Un total de 1.035 familias beneficiáronse en 2021 das axudas á natalidade que ofrece a Deputación de Ourense a través do programa ChegOU, que inclúe unha tarxeta con 300 ou 500 euros, segundo a clasificación de prioridade demográfica do Concello de residencia da familia, para gastos relacionados con produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde do bebé. Nun acto simbólico celebrado no Concello de Beariz, a deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, acompañada polo alcalde, Manuel Prado, pechou o programa de 2021 coa entrega da última das tarxetas a Leticia Domínguez, nai dunha bebé que naceu o 31 de decembro.

Luz Doporto expresou a súa satisfacción “pola acollida dun programa que, precisamente hoxe, 1 de febreiro, abre o prazo de solicitudes para 2022”. Na Deputación de Ourense, asegurou, “imos seguir apostando por unha iniciativa de reto demográfico que desde a súa posta en marcha, en 2016, está a ter unha excelente acollida entre as familias, con 7.799 beneficiarios e 2,3 millóns de euros en axudas concedidas nestes seis anos de vixencia do plan”. 

Cun orzamento de 300.000 euros, as subvencións do programa ChegOU de 2022 xa poden solicitarse. Están dirixidas a todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores.

Te puede interesar