O Concello ribadaviense concede axudas ao material escolar a 36 nenos de Infantil

O Concello de Ribadavia sube por segundo curso consecutivo o número e cuantías de axudas de material escolar en Infantil, chegando a un total de 36 familias beneficiadas.

Segundo apuntan os responsables municipais, o Concello é a única Administración que ten axudas para material escolar nesta etapa de tres a seis anos.

“As axudas de material escolar para Educación Infantil do Concello de Ribadavia para o curso escolar 2022-2023 podían chegar ata os 100 euros, sendo do 50% en liñas xerais e podendo chegar ao 100% do gasto para as rendas familiares máis baixas”, sinala o concelleiro de Dereitos Sociais, Brais Fidalgo, quen manifesta a súa satisfacción por conseguir un ano máis aumentar o número de solicitudes e as súas cantidades, grazas ao novo cambio establecido desde a Concellaría en 2021 cun novo formato que é capaz de chegar a máis xente e cubrir un gasto real do que o profesorado lle demanda ao alumnado e ás súas familias.

Así, se o ano pasado se bateu un récord con 31 beneficiados, este ano chégase aos 36, superando con creces o promedio anual dos anos anteriores, que foi de só 7.

Isto foi posible grazas a aumentar a partida orzamentaria e sobre todo ao diálogo coa comunidade educativa, tanto profesorado como ANPA do colexio CEIP Ribadavia na súa etapa de Infantil.

Te puede interesar