Catro municipios participan no programa piloto

A demanda cidadán obriga ós concellos a ampliar o plan de compost doméstico

Un veciño do Carballiño traballa co abono elaborado. (Foto:  Martiño Pinal )
Os catro concellos que participan na experiencia piloto de elaborar abono nas vivendas a partires dos residuos orgánicos teñen previsto comprar conxuntamente máis composteiros á vista da demanda dos cidadáns e da reducción na recollida do lixo.
O éxito da experienza piloto da Consellería de Medio Ambiente para reciclar nas propias vivendas os residuos orgánicos e transformalos en abono, motiva ós catro concellos participantes: Ribadavia, Carballiño, Carballeda de Avia e Piñor, a xuntarse para adquirir novos composteiros, co ánimo de abaratar costes. Os responsabeis da campaña nos catro municipios coinciden en destacar a importante demanda destes recipientes por parte dos cidadáns.

Medio Ambiente repartiu hai algo máis dun ano 50 composteiros para cada un dos concellos, que nestes momentos están funcionando a pleno rendimento e xa produciron os primeiros abonos orgánicos, que os veciños utilizan para os xardíns e as hortas. En próximas datas, cada un dos concellos disporá entre 70 e 120 novos depósitos para distribuir entre as persoas que se anotaron para participar na experiencia. As autoridades municipais afirman que os beneficios son importantes, non só no ámbito ecolóxico, senón tamén no económico. Os catro notaron unha reducción na tonelaxe de residuos orgánicos que oscila entre os 2.000 e 3.000 kilos mensuais dende que se puxo en marcha a iniciativa. Carballiño e Piñor señalan que recollen 2.000 kilos menos ó mes; Ribadavia rexistrou 3.000, e Carballeda de Avia indica que computando a reciclaxe dos demais residuos (vidro, cartón, latas) aforra 147.000 kilos por semestre. Nese sento, teñen en conta que cada tonelada depositada en Sogama costa 51 euros.

Aproveitamento dos restos de comida


Na actualidade son 270 veciños os que participan nesta experiencia de facer abono orgánico a partires dos restos de comida dos seus fogares. Coa ampliación, que proxectan os concellos implicados, poderán sumarse algo máis de 400, número que se superará ampliamente si se engaden outros municipios, tal e como se está negociando nestes momentos. Os participantes só teñen que dispor dun espazo aberto para a ubicación do composteiro.

Outros alcaldes tamén interesados

O rexidor de Piñor, Francisco Fraga, é o que se encarga da adquisición dos novos composteiros para a súa posterior distribución entre os veciños que o demandaron nos catro municipios. Fraga sinalou que esta ampliación do programa de compostaxe aínda non está pechado, porque hai outros concellos interesados en sumarse a esta iniciativa. En concreto, refiriuse a Amoeiro, Coles e A Rúa, ‘pero poden ser máis, e cantos máis sexamos máis baratos nos sairán os composteiros’, apuntou.

A concelleira de Medio Ambiente en Ribadavia, Manuela Iglesias, manifestou que ‘temos nestes momentos 37 persoas esperando polos recipientes e pensamos que a campaña está sendo un éxito, polo que seguiremos incidindo nela para rebaixar o peso do lixo todo o que se poda’. Nese senso, engadiu que ‘os veciños que se sumen agora tamén contarán coa supervisión adecuada para que fagan ben a compostaxe, e o Concello tamén estudiará a posibilidade de recudirlle a taxa do lixo nun 50% ós que participen’.

No Concello de Piñor, en concreto, xa se está aplicando unha bonificación de 10 euros anuais (pagan 35 anuais) para os que fan o abono orgánico.



Te puede interesar