Dúas adegas das Rías Baixas e Valdeorras reciben os premios ‘Bacelos de Prata’

Os propietarios das adegas ‘Quinta Couselo S.L.’, da denominación de orixe Rías Baixas, e ‘O Casal, S.A.T.’, da denominación de orixe Valdeorras, recibirán hoxe os galardóns da cuarta edición dos ‘Bacelos de Prata’, que concede a Asociación Álvaro das Casas polo fomento do galego.
O acto desenvolverase a partir das 12.30 horas no pazo dos Ulloa, ubicado na parroquia ribadaviense de Esposende, baixo a coordenación de Avelino Muleiro, presidente da entidade organizadora.

O xurado deste certamen reuniuse o pasado 4 de abril, salientando da adega ‘Quinta Couselo’ o seu ‘compromiso na aposta de utilización do noso idioma como sinal de identidade que reforza a vinculación coa terra’. Ademais, a comisión calificadora valorou que ‘o seu exemplo provoca adhesións ó proceso galeguizador iniciado no sector vinícola e traspasa ese afán de uti lización dos nosos valores culturais á sociedade’.

Calidade

Da adega ‘O Casal’, o xurado suliñou a súa utilización das castes godello e mencía, así como a ‘aposta persoal na recuperación dunha maneira de cultivo e dun contorno xeográfico que define un determinado lugar de orixe’. Tamén considerou que ‘o orgullo dun viño de calidade, en galego, é fundamental para espallar a riqueza da nosa lingua e cultura’. Comunicaron a súa presenza ó acto deste mediodía o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez; o fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela; o xefe superior de Policía, Luis García Mañá; o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, e o subdelegado do goberno en Ourense, Camilo Ocampo.


Te puede interesar