O xurado destacou a tarefa de promoción do viño das adegas 'Durán' e 'Emilio Docampo'

Dúas marcas de Rías Baixas e Ribeiro logran os “bacelos'

Os membros do xurado, reunidos no Pazo dos Ulloa. (Foto: MARCOS ATRIO)
O Pazo dos Ulloa, ubicado na localidade Esposende, no municipio de Ribadavia, acolleu ó mediodía de onte a xuntanza dos membros do xurado na sétima edición dos premios 'Bacelo de Prata', baixo a presidencia de Avelino Muleiro García, responsable da Asociación Álvaro das Casas. Tras unha hora e media de deliberación, decidiron conceder os galardóns ás adegas Durán e Emilio Docampo Diéguez, das denominacións Rías Baixas e Ribeiro, respectivamente.
No primeiro dos casos, 'pola utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade comercial no ano 1989, na etiquetaxe e publicidade da súa marca Vento Mareiro'. Unhas botellas que, segundo o xurado, 'son cento por cento uva albariña do Salnés, de grande calidade e prestixio'. A comisión seleccionadora tamén salientou desta adega 'a defensa que fai da identidade galega e a participación en proxectos destinados a defender as estructuras empresariais das pequenas e medianas empresas do sector, para teren maior presenza nos mercados e afortalar, dese xeito, a economía do seu contorno'.

TRADICIÓN
O xurado tamén valorou a traxectoria de Emilio Docampo Diéguez no Ribeiro, 'pola incorporación ó proceso de galeguización do sector vinícola galego coa súa marca Casal de Paula, elaborada coa caste treixadura'. Ademais, os integrantes da Asociación Álvaro das Casas quixeron salientar 'a aposta persoal deste colleiteiro por manter a tradición familiar na elaboración de viños de calidade, que se remonta ós primeiros anos do século XX'. Segundo apuntou Avelino Muleiro, 'non quixemos deixar pasar esta ocasión para rememorar a celebración do 85º aniversario do I Congreso de Economía de Galicia, celebrado en Lugo no ano 1925, efeméride histórica que supuxo a proposta de crear na comarca do Ribeiro un centro de investigación para a mellora do sector vinícola galego que se concretou, moitos anos despois, en 1995, coa creación da Estación Enolóxica e Vitivinícola'. O presidente da entidade organizadora dos Bacelos de Prata considera que 'se debería incentivar a produción do viño tostado do Ribeiro, que gozou, noutros tempos, de moitísimo prestixio'.

XURADO
Avelino Muleiro estivo acompañado na comisión seleccionadora por Xabier Riomao, profesor de Didáctica da Expresión Artística na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo; Antonio Cajide Gulín, adegueiro e enólogo; Toia Suárez Vicente, enóloga e adegueira premiada na edición anterior; Xosé González Martínez, membro da Asociación Álvaro das Casas, e Flavio Morganti, restaurador, mentres Carmen Pérez Vaquero foi a encargada de levanta-la acta, coma secretaria.

Te puede interesar