Os escritores galegos recoñecen cun premio á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que celebrou este pasado sábado a súa asamblea xeral de socios no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, veu resolver a concesión dun dos seus premios á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, segundo lle foi comunicado ó concelleiro de Cultura desta localidade, Anxo Collarte Pérez.
Segundo informou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, o colectivo de escritores galegos homenaxeará a Mostra Internacional de Teatro ’polas súas importantes achegas á existencia dun teatro galego’, comentou o edil nacionalista e tenente de alcalde da vila ribadaviense. A entrega do premio realizarase o vindeiro 26 de abril na ’cea das letras’ que a AELG celebrará en Compostela, e para a MIT de Ribadavia supón suceder na xeira de galardoados pola asociación ó programa ’Diario cultural’ da Radio Galega, que inauguraba o listado de recoñecementos no pasado 2007.

Para Anxo Collarte, ’iste novo recoñecemento á MIT pon en valor o esforzo que Ribadavia ven adicando dende 1973 á cultura e ao teatro galegos, labor continuada dende 1983 pola propia Mostra teatral’. O concelleiro de Cultura engade que ’no eido da creación dramática, dende 2006 o Premio Abrente de textos teatrais en galego continúa o labor que supuxeron á súa vez os premios a textos teatrais que se entregaban en Ribadavia nas mostras de teatro galego dos anos setenta’. Collarte asegura que ’é tamén unha homenaxe a unha xeración de ribadavienses que dende Abrente pularon por este proxecto cultural e en especial á figura que encarna á MIT, o seu director Rubén García’.

Te puede interesar