Cultura

Unha exposición, contacontos e cine, na semana do San Xoan en Ribadavia

O Concello de Ribadavia organiza varias actividades culturais con mor da celebración do San Xoan

Unha exposición, contacontos e cine ao aire libre son as actividades que desenvolverá o Concello de Ribadavia para dinamizar a actividade cultural na semana de celebración do San Xoan. Así, para este luns, ás 20,30 horas, está prevista a inauguración dunha exposición coa recopilación das 64 mellores viñetas do artista galego Luis Dávila dedicadas ao viño e ao turismo. A entrada a esta exposición, que estará ubicada na igrexa da Madalena entre o 22 de xuño e o 5 de xullo, será de balde, e os horarios de visita son de 11,30 ás 13,30 horas e de 19,00 ás 21,00 horas, de luns a domingo.

Por outra banda, o día 23 de xuño a actividade cultural estará diversificada con contacontos para os nenos, ás 20,00 na Alameda, e cine ao aire libre no auditorio do Castelo. 

Ese mesmo día, ás 23,00 horas, no auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia, poderase ver a estrea do filme "María Solinha", dirixido por Ignacio Vilar, que estará presentando a súa película acompañado de membros do reparto da mesma. 

Estas dúas actividades, o contacontos e o cine ao aire libre, son de balde pero teñen aforo limitado, polo que as persoas que queiran asistir terán que retirar as súas invitacións na Casa da Cultura de Ribadavia, ata o propio día 23, en horario de 9,00 ás 14,30 horas, ata completar aforo.

O alcalde, César Fernández, declaraba que "queremos que agora, nesta nova normalidade, Ribadavia continúe a ser referente de actividade cultural e un concello modelo sobre como se debe adaptar esta oferta cultural á nova normativa e aos novos protocolos".

Te puede interesar