O RIBEIRO

Fomento investirá 1,8 millóns de euros no Mosteiro de Melón

<p></p>
photo_camera Ana Pastor e Román Rodríguez durante a firma do protocolo de colaboración.

O Ministerio firmou un protocolo coa Consellería de Cultura para recuperar o claustro da hospedería

A ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron un protocolo de colaboración para executar a primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do Mosteiro de Melón, declarado Ben de Interese Cultural. Con este protocolo o Goberno central se compromete a financiar o orzamento previsto que ascende aos 1,8 millóns de euros.

Nesta primeira fase o proxecto consiste fundamentalmente na rehabilitación das alas norte e oeste do claustro da hospedaría nas súas plantas baixa, alta e cuberta, así como a recuperación e restauración do pavimento do mesmo. Ademais, executarase a rehabilitación da porta exterior de acceso ao adro do mosteiro (torre leste) debido ao seu mal estado de conservación. O obxectivo final está na creación dun hotel monumento, unha vez rematen as obras de rehabilitación.

Con esta nova actuación o investimento achegaríase aos 4 millóns de euros. Neste sentido cómpre lembrar que no 2015 a Consellería executou traballos de consolidación estrutural dos paramentos interiores da esquina suroeste do cruceiro, no seu encontro coa fachada principal, e substitución das cubertas das ábsidas da igrexa, deambulatorio e Capela do Cristo da Saúde, construíndo unha nova cubrición de tella sobre placas de fibrocemento e o illamento axeitado. Ademais, limpáronse, desinsectáronse e consolidáronse as pezas do retablo de san Xosé, na igrexa do Mosteiro; consolidáronse desde o interior os muros da esquina suroeste da igrexa e da pilastra da esquina do claustro reglar e limpouse a fábrica do campanario da igrexa.

Con esta actuación completáronse as melloras realizadas no ano 2012, que incluíron a reparación do cimborrio, e o resto das cubertas do templo, así como o reforzo dun contraforte da esquina nordeste do claustro. Tamén ás realizadas nos anos 2009 e 2010 de consolidación deste Mosteiro.

Ademais, a Consellería financiou o Plan Director e de usos, elaborado polo arquitecto Juan Carlos Cabanelas, que analiza as posibilidades de rehabilitación deste ben histórico no actual marco económico e propón previsións a curto, medio e longo prazo, buscando que esta actuación sexa, a súa vez, compatible co seu valor cultural e o seu uso público.

Te puede interesar