Leiro solucionará o problema de perdas de auga con 360.000 euros

Un dos depósitos do abastecemento de auga de Leiro.
photo_camera Un dos depósitos do abastecemento de auga de Leiro.
A antigüidade da canalización da rede provoca cortes no subministro.

A Xunta de Galicia licitou as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, que suporán un investimento de 360.000 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle o anuncio de licitación, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de xuño.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado no pasado mes de novembro entre a Xunta e os Concellos de Boborás e de Leiro. A través deste contrato executaranse as obras de renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.

O Goberno galego apoia aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando as actuacións previstas en ambos os dous concellos no 80% do seu orzamento total. Pola súa banda, as entidades locais achegarán o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais. Ademais, os concellos de Leiro e de Boborás asumen a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento e explotación.

O Concello de Leiro abastécese dunha captación situada no concello de Boborás, na canle de derivación do encoro de Albarellos. A auga trátase nunha estación de tratamento de auga potable existente no municipio de Leiro. 

Debido á antigüidade da condución que conecta a captación coa estación potabilizadora, son moi frecuentes as roturas, o que provoca faltas no subministro de auga á poboación.

Te puede interesar