O alcalde tomou a medida tra-las denuncias do gremio de taxistas e o Concello de Ribadavia

Melón suspende o servizo de bus ata obter licencia

O microbús municipal de Melón permanece gardado nun garaxe. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O Concello de Melón decidiu suspender temporalmente o servizo de transporte municipal de viaxeiros que tiña posto en marcha hai dous anos, e que foi motivo de queixas por parte dos taxistas de Ribadavia, ó consideralo 'competencia desleal' por adentrarse na súa zona de competencia.
O alcalde de Melón, Alberto Pardellas, confirmou onte que 'neste mes optamos pola paralización deste transporte que viñamos facendo cun microbús de 19 prazas para tódolos pobos do municipio'. O rexedor 'popular' engade que 'hai dous anos que solicitamos a licencia á Dirección Xeral de Transportes, e ata que a concedan non reanudaremos o servizo'.


XESTIÓNS

O microbús, nestes intres gardado nun garaxe, iniciou a súa andaina en xaneiro de 2009 gracias a un convenio coa Deputación provincial e a antiga Caixanova, para o traslado dos veciños dos 30 núcleos de poboación de Melón ata a capitalidade muncipal 'para facilitarlles as consultas no Centro de Saúde ou xestións no propio Concello ou nas entidades bancarias', lembra Alberto Pardellas.

Nembargantes, o servizo cruzaba o municipio de Ribadavia para achegarse á aldea de Portalaxe e, de paso, deixaba e recollía viaxeiros na capital de O Ribeiro, sobre todo nas xornadas de feira. Esta práctica suscitou as queixas do gremio de taxistas da vila do Avia, que solicitaron o amparo do Concello ribadaviense, que comprobou que o servizo carecía de autorización. Así, o ano pasado (ó igual que os taxistas) formulou ante Transportes alegacións á petición de licencia por parte de Melón. O expediente aínda está sen resolver neste departamento autonómico, según fontes consultadas no mesmo.

Te puede interesar