O Museo Etnolóxico libera hoxe 20 libros en lugares públicos da vila de Ribadavia

A biblioteca do Museo Etnolóxico de Ribadavia libera hoxe un total de 20 libros, que quedarán a disposición dos posibles lectores en diversos lugares públicos. A bibliotecaria do museo, Rosa Lamas, apuntouse a esta experiencia con motivo da celebración o próximo luns 23 de abril do Día Internacional do Libro. Por esta razón, un total de 71 bibliotecas de museos de toda España teñen preparada unha liberación conxunta e masiva de libros (actuación coñecida internacionalmente como bookcrossing).
A biblioteca do Museo Etnolóxico únese a este particular evento e participa activamente con unha liberación, a meirande parte catálogos editados polo museo, pero tamén libros doados por particulares para esta ocasión especial.

Na páxina de bookcrossing os interesados poden ver a hora e o lugar onde serán liberados ao público estes libros nas localidades de Ribadavia, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Vigo e incluso Porto. 'Así mesmo, a partires deste 20 de abril o Museo Etnolóxico continuará con esta interesante acción e as salas converteranse en zonas tanto de liberación como de caza de libros', segundo indica Rosa Lamas. Ademáis, engade que 'polo tanto, desde hoxe a biblioteca do museo realiza a súa particular contribución a esta celebración, á que animamos a participar a todos os lectores e usuarios de bibliotecas.

Bookcrossing é un clube de libros global e tamén un grupo de lectura que non coñece límites xeográficos, un espazo onde os seus membros liberan libros gratuitamente coa única meta de converter o mundo enteiro nunha biblioteca gracias ao intercambio de libros. Este clube permite facer críticas dos libros, puntualos e recomendalos a outros lectores.

Te puede interesar