SANIDADE

O PSdeG alerta sobre a falta do psicólogo no centro de saúde de Ribadavia

A formación sinala que dende o pasado mes de xuño non dispón de psicólogo e non se substituíu a praza, nin hai ese servizo, básico para a toda a comarca do Ribeiro.

O PSdeG-PSOE afirma que a Xunta de Galicia está desmantelando o Centro de Orientación Familiar (COF) de Ribadavia "co beneplácito do alcalde do Partido Popular na vila". Sinala que dende o pasado mes de xuño non dispón de psicólogo e non se substituíu a praza, nin hai ese servizo, básico para a toda a comarca do Ribeiro.

O PSdeG manifesta que "non soamente se suprimiu a praza de psicólogo, senón que o desmantelamento afecta tamén ao auxiliar administrativo, ao servizo de xinecoloxía e á auxiliar de enfermería, que deberían estar os martes e venres, pero coa redución do servizo de xinecoloxía, tan só se atende aos pacientes os martes", explica o portavoz socialista Ignacio Gómez, quen tamén apunta que "nin sequera o servizo que anuncian con carteis nas portas do COF se corresponde coa realidade de horarios e atención".

Os socialistas engaden que tamén "hai problemas cando a matrona colle días propios ou por algún problema familiar e obsérvase como pode pasar unha semana ata cubrirse a praza, polo que o servizo queda descuberto semanas enteiras", matiza Ignacio Gómez.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, declaraba que o concello está facendo todo o posible por restablecer canto antes o servizo do COF na súa totalidade, en relación á ausencia do psicólogo.

Te puede interesar