Política

O PSOE solicita a limpeza da maleza de dúas pontes en Leiro

Os socialistas critican o estado de abandono da Ponte da Esperela e da Ponte de San Clodio

nnn O PSdeG-PSOE solicita ao Concello de Leiro que proceda con "carácter de urxencia" a realizar a limpeza integral da Ponte da Esperela e da Ponte de San Clodio, xa que tal e como afirma "presentan unha imaxe deplorable, de abandono e están totalmente cubertas pola maleza". 

Desde o grupo municipal socialista tamén se critica a "desidia" do alcalde do Partido Popular, "ó que parece que a imaxe do noso municipio lle importa pouco".

Os socialistas consideran estas dous infraestruturas claves no municipio, xa que no caso da Esperela, "trátase dunha das portas de entrada á capital do concello", pola cal transcorre a estrada autonómica OU-209. Segundo o portavoz, Manuel Rodríguez, "o seu estado afecta á paisaxe e tamén a súa conservación patrimonial".

En canto á Ponte de San Clodio de orixe medieval, é un referente cultural de Leiro e dende 1981 é Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural (BIC). "Os técnicos xa avisaron no 2018 que a ponte estaba nunha situación moi delicada, tras anos de abandono". No caso da Ponte da Esperela, os socialistas instan ao concello a que solicite a súa limpeza á Xunta de Galicia e no da Ponte de San Clodio que gestione a solicitude dunha subvención para levar a cabo os traballos.

Te puede interesar