O conselleiro de Educación comprométese a apoiar esta iniciativa dentro da MIT de Ribadavia

Unha publicación divulgará os textos teatrais en galego

Roberto Pascual, Anxo Lorenzo, Jesús Vázquez, Blanco e Collarte, na presentación. (Foto: MARCOS ATRIO)
A organización da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia promoverá este ano unha colección específica de publicacións adicada á divulgación de textos dramáticos na lingua galega, dentro do certame 'Abrente'.
Así o adiantou onte o director do evento teatral, Roberto Pascual, quen solicitou o apoio da Xunta para levar a cabo a iniciativa. Baixo a denominación de Colección Abrente, a intención dos promotores da MIT 'é non só recoller aqueles textos que sexan galardonados no concurso, senón tamén incorporar traducións de autores relevantes do teatro internacional, coma é o caso do austriaco Thomas Berhan'.

A presentación da quinta edición dos dos 'Premios Abrente de Textos Teatrais' celebrouse ó mediodía de onte no Centro Comarcal de Ribadavia, coa presencia do propio Roberto Pascual, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o director xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, acompañados polo alcalde, Marcos Blanco, e o concelleiro de Cultura, Anxo Collarte. O rexedor ribadaviense agradeceu o apoio da Xunta á MIT, se ben lembrou ás autoridades autonómicas que 'aínda estamos á espera da confirmación da axuda económica para a vindeira edición da Mostra, que confimoa non sexa inferior á da pasada'.

CRISE

Nembargantes, nin o conselleiro nin Anxo Lorenzo fixeron mención desta subvención, se ben o responsable de Política Lingüística sinalou que 'asumo a idea de editar unha colección de textos teatrais en galego, e teremos que reunirnos cos organizadores da Mostra para concretar o proxecto, xa que hai que ter en conta que estamos nunha situación xeral de crise económica e hai reduccións nas partidas orzamentarias'. Pola súa banda, Jesús Vázquez, que lembrou a súa estadía na vila do Avia cando era un neno, indicou que “hoxe podemos falar dun sistema teatral galego, con achegas xenuínas e conscientes en todos os eidos, sexan estes no da interpretación, no da escenificación ou no da dirección de escea”.

O conselleiro de Educación tamén destacou a importancia da MIT ribadaviense 'que é un exemplo meritorio que superou xa os 25 anos de historia”.

Te puede interesar