O alcalde do municipio apunta que ’o problema de Razamonde solucionarase na vindeira semana’

A reaparición de arsénico na traída a un pobo de Cenlle obriga ós veciños ó uso da fonte

Un veciño de Razamonde recolle auga na fonte pública, na tarde de onte.
Unha nova detección de arsénico na auga de consumo domiciliario da localidade de Razamonde, no municipio de Cenlle, obriga ós veciños a botar man da fonte pública. ’O problema ven derivado do desgaste das tuberías, e tamén dos filtros para evita-la contaminación’, sinala Obdulio Sobrino, presidente do colectivo veciñal.
Os 40 habitantes da localidade de Razamonde, ubicada na marxe da estrada N-120 (Ourense-Vigo), voltan ter problemas de abastecemento. E é que o arsénico (un elemento químico cuxa inxesta en altas doses pode provocar o envelenamento dunha persoa) apareceu por segunda vez en tres meses na auga de consumo domiciliario, ’e levamos dúas semanas co mesmo problema’, comenta Obdulio Sobrino, presidente da Asociación de Veciños de Razamonde.

A situación está a ser paliada co desplazamento da xente do pobo ata a única fonte pública existente, ’onde enchen garrafas para levar ás súas casas, aínda que o caudal do manantial deveceu coa seca deste verán’, indica María do Carme Fernández, unha das veciñas afectadas.

’Pero hai persoas maiores que non poden cargar cunha garrafa e teñen que recurrir á mercar botellas pequenas nas tendas’, apunta outro veciño. Neste sentido, Obdulio Sobrino lembra que, ’fai dous meses, o Concello puxera garrafas de auga de oito litros a disposición dos veciños, e aínda quedaban daquela unhas coarenta que se agotaron nestes últimos días’. Engade que ’no caso en que isto non se arranxe, teremos que tomar outro tipo de medidas ante as autoridades’.

Te puede interesar