O RIBEIRO

Ribadavia mestura na Mostra de Teatro os textos coas artes

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) aposta por conxugar a fotografía, as artes plásticas e o cinema coa dramaturxia dos últimos Premios Abrente.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) aposta por conxugar a fotografía, as artes plásticas e o cinema coa dramaturxia dos últimos Premios Abrente. Esta unión darase mediante uns obradoiros de creación transposta encadrados dentro dos actos de celebración do décimo aniversario dos premios e organizados en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Esta iniciativa comezará neste mes de abril con dous obradoiros impartidos por Fran Godón (Premio Abrente 2013) e Vanesa Sotelo (Premio Abrente 2011). Godón, levará a cabo un obradoiro no que mesturará o seu texto premiado, Diante do espello, coa creación cinematográfica grazas ós alumnos da Escola Audiovisual de Vigo (EAV). Será o 24 de abril, en horario de 16,30 a 20,30, na EAV. Esa mesma tarde, pero na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, terá lugar o obradoiro impartido por Vanesa Sotelo, que mesturará a súa obra Campo de Covardes, coa creación plástica. Para poder asistir aos obradoiros compre mandar un correo electrónico cos datos persoais ao enderezo [email protected].

Xa no mes de xullo, durante a MIT que se celebra entre os días 16 e 26, Fernando Epelde impartirá un obradoiro partindo do seu texto Street Art Symphony, que mesturará a escrita dramática coa fotografía.

Os resultados de todos estes obradoiros conformarán unha exposición colectiva que estará á vista do público da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Te puede interesar