Ribadavia ofrece actividades a favor da conciliación laboral

Unha das actividades do verán pasado.
photo_camera Unha das actividades do verán pasado.

O Concello de Ribadavia favorecerá a conciliación da vida familiar e laboral coa iniciativa “Avia Verán”. O programa educativo e lúdico desenvolverase unha vez máis nos meses de xullo e agosto, agardando que volva ser un éxito de participación como na edición do ano pasado.

O prazo de inscrición abrirase o próximo 7 de xuño e prolongarase ata o día 21 do mesmo mes.

Trátase dun programa de conciliación, educativo e lúdico, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral dos veciños durante o verán cando o curso escolar remata.

“O programa pretende axudar que os pais e nais poidan conciliar a súa vida laboral coincidindo co final das aulas, ao mesmo tempo que se programan actividades lúdicas e educativas para os nenos e nenas”, apuntan desde o Goberno municipal.

“Avia Verán” está dirixido ós nenos de 3 a 14 anos e están dispoñibles un total de 75 para o mes de xullo e 55 para o mes de agosto.

Será de luns a venres en horario de mañá, manténdose de 09,00 a 14,00 horas, despois de ser ampliado o ano pasado, e así mesmo mantéñense os mesmos prezos públicos.

As solicitudes presentaranse coma sempre no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribadavia. 

O programa de conciliación de verán está fixado para os meses de xullo e agosto, aínda que desde o Concello ábrese a posibilidade de iniciar o campamento o próximo 27 de xuño.

Te puede interesar