A Rede de Xuderías de España acaba de incorporar a cidade de Sevilla

Ribadavia ponse ó día en gastronomía sefardí

Unha das rúas emblemáticas do casco histórico. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A asamblea xeral da Rede de Xuderías de España, celebrada en Tarazona (Zaragoza), acordou a incorporación das localidades de Sevilla, Lucena (Córdoba) e Castelló d´Empuries (Girona). O proceso iniciárase na asamblea celebrada en xuño de 2010 en Ribadavia. Estas cidades contribúen a consolidar o proxecto posto en marcha no 1995 con Ribadavia como localidade fundadora do mesmo xunto con Girona e Hervás.
O concelleiro de Cultura, Anxo Collarte, considera de especial relevancia o feito de que unha cidade como Sevilla mostrara interés en formar parte da rede, porque 'eso demostra a repercusión que está tendo', sinalou.

As 24 cidades que conforman na actualidade a rede traballan nunha oferta turística similar, con guías especializados e a señalización do patrimonio xudeo homologada. Nese marco de obxectivos, en Ribadavia está previsto para próximas datas a organización de cursos sobre a gastronomía sefardí dirixidos ós hosteleiros da vila, 'xa que a gastronomía tamén debe formar parte da oferta', sentenciou Collarte. 'Ribadavia por sí sola non podería promocionar o seu patrimonio da maneira que o está facendo agora ó lado de cidades da importancia de Sevilla', engadiu

Por outra banda, a asamblea aprobou a contratación dun técnico para a comercialización turística da rede, pois é este aspecto de promoción o principal campo de traballo que se está a desenvolver.

De feito, durante o último semestre realizáronse proxectos internacionais a través da Asociación Europea para a Preservación do Patrimonio Xudeo. Tamén estuveron presentes no Fórum Gastronómico de Girona, ademais de realizar unha presentación en Fitur 2011 da marca turística da Rede de Xuderías, RASGO 2011.

Te puede interesar