Curso 2021/2022

Ribadavia reforzará axudas e conciliación neste novo curso

Aumentará o número de axudas que ofrece

O Concello de Ribadavia quere reforzar o seu apoio á educación, tanto nas axudas de material escolar como no servizo de conciliación familiar, a través do servizo madrugadores. Este proxecto ten como obxectivo permitir a pais e nais deixar aos seus fillos no colexio antes do comezo das clases.

Este servizo de conciliación presentará un horario de 07,30 a 09,00 horas, destinado a alumnos de 3 a 12 anos no CRA Amencer e no CEIP Ribadavia, cuxo custo é de 15 a 35 euros, en función dos ingresos, número de fillos e o empadroamento, “algo que pretendemos que sexa atractivo para que máis familias novas decidan vivir e empadroarse en Ribadavia”, explican dende o Concello. O prazo de solicitude xa está aberto no Departamento de Dereitos Sociais.

Axudas

Neste curso, dende o grupo de goberno queren aumentar as axudas para material escolar e xa están a ultimar a convocatoria, coa intención, tamén, de aumentar o número de beneficiarios.

No pasado curso o Concello só tivo oito solicitudes e no 2019 tan só cinco. O obxectivo do Consistorio é ampliar o número de nenos e nenas que se poidan beneficiar destas axudas, para o que se están estudando fórmulas que as favorezan. 

O prazo para solicitalas abrirase co inicio do curso o vindeiro 9 de setembro e aumentarase este ano a partida orzamentaria para Educación Infantil.

Te puede interesar