RIBADAVIA

As termitas obrigan a evacuar unha aula do colexio público

termii
photo_camera As termitas atacaron o zócalo e os marcos das portas no centro da Alameda.

O PP solicitou ao Concello de Ribadavia documentación sobre o control que se fai das pragas

A presenza de termitas obrigou a evacuar o pasado venres unha aula do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia, de tal xeito que os alumnos tiveron que continuar a clase nas zonas comúns deste centro, situado na Alameda de Ribadavia, segundo declarou o portavoz do grupo municipal do PP, César Fernández.

O concelleiro sinala que "ante a gran cantidade de termitas que había nunha aula, a docente viuse na obriga de sacar aos alumnos da aula para continuar a clase no exterior da mesma. As nais e pais de alumnos foron avisados para que se achegasen a comprobar “in situ” a situación". Por ese motivo, o portavoz matiza que a conservación e mantemento deste edificio de titularidade municipal corresponde ao Concello de Ribadavia, e en consecuencia presentou un escrito no rexistro solicitando a documentación acreditativa relativa ás medidas de control de pragas neste edificio nos últimos anos.

Fernández sinalou que “de non existir documentación que acredite que se levaron a cabo accións para o control deste tipo de pragas, estaríamos ante un claro caso de neglixencia do alcalde que tería provocado coa súa inacción esta situación tan desagradable.” Ademais, solicitou unha inmediata actuación para a eliminación das termitas co fin de non interferir con esta situación no normal desenvolvemento do curso escolar.

"Xa hai tempo que o colectivo de nais e pais de alumnos do CPI Tomás de Lemos ven alertando da existencia de deficiencias no edificio", engade César Fernández, considerando necesario que, unha vez rematado o curso, o Concello realice unha supervisión destas instalacións e leve a cabo as actuacións necesarias para mellorar as súas condicións.

A dirección xa avisou á empresa especializada

 O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, declaraba que se puxo en contacto coa dirección do colexio tan pronto se enterou da existencia das termitas, que atacaron o zócalo e os marcos das portas. A dirección xa tiña avisada á empresa que se encarga do exterminio tanto de insectos como de roedores. O rexidor referíase ao portavoz do PP, manifestando que "xa non é a primeira vez que utiliza os colexios para facer política".

A direción do colexio confirmou que unha empresa se encarga tódolos anos de colocar trampas para exterminar insectos e roedores, "tendo en conta que é un edificio antigo e que está situado na Alameda, polo que é normal que xurda algún brote", matizando que este ano, precisamente, a intervención levouse a cabo no pasado mes de marzo. Asegurou a dirección do centro de ensino, igual ca o alcalde, que "en ningún momento supuxo ningún perigo para os nenos e xa foi avisada a empresa o mesmo venres para que o solucione".

Te puede interesar