Vázquez afirma que “non imos pechar' ningún comedor escolar

A política da Consellería de Eduación e Ordenación Universitaria 'está pola labor de ampliar o número de prazas existentes nos comedores escolares e non polo peche dos que xa están en funcionamento', sinalou onte en Ribadavia o propio conselleiro, Jesús Vázquez Abad.
Deste xeito, o responsable deste departamento autonómico desmentía as críticas das organizacións sindicais, que auguraban o peche deste servicio público nun total de sete centros educativos en Galicia, entre eles os ourensáns de Baltar, O Bolo, Calvos de Randín e San Mamede de Montederramo, e o resto na provincia de Lugo.

Jesús Vázquez asegurou que 'non se vai pechar ningún comedor escolar dos que actualmente teñen actividade, senón que trataremos de mellorar a calidade do servizo que se presta neles'.

O conselleiro de Educación engadiu que, 'dende a Xunta, temos que denunciar unha campaña de intoxicación que está a partir de determinados organismos e entidades, e que non ten razón de ser'.

Vázquez Abad lembrou que 'cando chegamos ó Goberno había un burato de catro millóns de euros, e nembargantes fumos capaces de crear 2.500 novas prazas de comedor'. Neste senso, o conselleiro apuntou a intención do seu departamento de 'incrementar iste número ata dar cobertura ó 100% do alumnado de tódolos centros educativos, sempre buscando a optimización dun servizo que consideramos básico'.

Te puede interesar