Infraestruturas

A Veronza disporá en breve de un novo circuíto deportivo

2019112609140381049
photo_camera Lugar onde se instalará o circuíto de calistenia.
Trátase dun circuíto de workout, unha modalidade de adestramento ao aire libre

Ribadavia contará con un circuíto de workout ou calistenia na área recreativa da Veronza. O workout é unha modalidade de adestramento deportivo ao aire libre. Está dirixido a tódolos públicos e trátase dunha actividade que pretende ofrecer, mediante equipamentos diversos, a posibilidade de traballar diversos grupos musculares, favorecendo un exercicio máis completo -e complementario- que o sendeirismo e o running.

A actuación consistirá na colocación de cinco módulos de workout, tras a preparación previa do terreo onde se van a instalar. Os módulos que se colocarán serán un banco de abdominais, un equipo de barras curtas, un cubo e barras paralelas; ademais, colocarase un sinal informativo de presentación de circuíto, na que deberán de figurar as instrucións de uso de todos os aparatos co apoio de elementos gráficos.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que "con este equipamento actualizamos a oferta deportiva existente na área recreativa da Veronza e, ademais, Ribadavia entra a formar parte da rede de circuitos workout do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño".

Nesta área de recreo tamén están previstas outras melloras, concretamente no parque infantil, que se dotará dun pavimento novo e cierre, ademais dun parque canino, segundo anunciou o rexedor.

O circuíto de calistenia, que se empeza a executar hoxe, será un atractivo máis que se engade a este paraxe de ocio e deporte, onde tamén están as piscinas municipais, entre outras instalacións.

Te puede interesar