A organización pechou a programación coa incertidume de se poderá completar o presuposto

A Xunta retrasa os 50.000 euros da Mostra de Ribadavia

A organización da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) xa pechou a programación desta 28 edición, a celebrar entre o 21 e o 28 de este mes de xullo, e que presentaba onte o director, Roberto Pascual, xunto co alcalde en funcións, José Prieto, que en ambos casos manifestaron o seu malestar pola actitud da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por non confirmar aínda a subvención para este ano.
A consellería convocou para o 2012 un concurso público mediante o que optan os diferentes festivais ás axudas pero, según Roberto Pascual, 'aínda non o resolveu'. Pola contra, a organización xa conta cos restantes apoios: 59.000 euros do Ministerio de Cultura, 30.000 do Concello de Ribadavia, 8.000 da Deputación, e segue a espera dos 50.000 solicitados á Xunta.

Dentro da programación, a dirección da MIT destacaba onte, entre outros espectáculos, o de clausura como unha aposta pola dramaturxia contemporánea de Alfredo Sanzol, valor en alza do teatro estatal, e que presenta a estrea 'Delicadas' coa compañía T de Teatre, de Catalunya.

Esta edición tamén contempla diversas actividades paralelas como a presentación do número 71 da Revista Galega de Teatro, visitas guiadas ás instalacións de Viña Costeira, 'master class' sobre o traballo da compañía Théâtre du Soleil, impartida por Serge Nicolaim, ademais das Xornadas de Crítica, contando coa presenza de críticos e artistas das artes escénicas.

A partir de hoxe pódense mercar os abonos para todos os espectáculos do Castelo. O venres, as entradas individuais para cada un dos espectáculos do Castelo, Igrexa da Madalena e Casa da Cultura. A partir dese mesmo día tamén en internet: www.servinova.com. A compra anticipada poderase facer na sede da MIT de 10,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 20,30 horas. Para a adquisición inmediata diaria resérvase un 20% do aforo de cada auditorio, despachándose as entradas a partir das 21,00 horas.

Te puede interesar