Os rostros de Nós

“A Xeración Nós sentiría ver como está a cultura do país neste momento”

photo_camera Manolo Figueiras quixo reflectir no retrato de Xosé Ramón Fernández Oxea “Ben-Cho-Shey” na lámina que entregará La Región este domingo esa paixón súa pola tradición popular, a cultura e a lingua e devolverlle o recoñecemento que merece, convencido de que non debe ser considerado un secundario dentro de Nós.  

Manolo Figueiras quixo reflectir no retrato de Xosé Ramón Fernández Oxea “Ben-Cho-Shey” na lámina que entregará La Región este domingo esa paixón súa pola tradición popular, a cultura e a lingua e devolverlle o recoñecemento que merece, convencido de que non debe ser considerado un secundario dentro de Nós.

Que técnica elexiu para o retrato e como o plantexou?

Cando tes un proxecto destos o primeiro que te preguntas é como o vas facer, que técnica vas empregar e, ao final, un pouco por ser Ben-Cho-Shey, decanteime por unha tradicional coma é o óleo sobre un soporte moi tradicional, óleo sobre madeira. Unha técnica baseada en capas, en veladuras e en darlle un certo ton de claroscuro, sempre con esa idea de facer unha imaxe tradicional.

Porque se a algo estaba ligado Ben-Cho-Shey é a tradición popular e as raíces. Boa parte do seu traballo desenvolveuno ao redor deso.

Efectivamente. Eu algo sobre Ben-Cho-Shey coñecía pero a raíz desta obra estiven documentándome un pouco e efectivamente, el traballou moitos campos, mesmo a literatura, a poesía, pero sobre todo o seu interese estaba no estudo da tradición popular, da lingua, das costumes, destes elementos tan fundamentais na cultura galega e que tan importantes foron para o Grupo Nós.

Que pode atopar vostede de común na obra de Ben-Cho-Shey e a súa?

Non che sabería dicir… Ben-Cho-Shey é unha figura importante pero tamén moi maltratada historicamente e incluso culturalmente, mesmo con respecto á Xeración Nós. Sempre queda un pouco coma á marxe dos grandes nomes como Otero Pedrayo, Risco, Castelao… pero para min é unha figura importantísima. Ten moitísimo valor a súa posición política e persoal, como foi represaliado e mantivo, a diferencia doutros, as súas posicións. Defendeu as ideas que desde os anos 20 defendía a Xeración Nós. E se me preguntas que podemos ter en común, xustamente, malia ter unha vida con tantas adversidades, el sempre mantivo moi vivo o humor. Hai quen o califica de humorista, mesmo o nome que escolle, a súa lápida… Ata no último momento ten que estar facendo chiscadelas e bromas. Eso gústame moito. Na obra intentei en certo modo reflictir eso inda que máis ben o que fixen foi retratalo coma o que el era, fundamentalmente un traballador da cultura. Ultimamente en Ourense fálase moito de emerxencia cultural, algo do momento, por razóns da conxuntura política pero el captou a emerxencia cultural na que estaba o país e adicouse a traballar neso, consciente, penso eu, de que estaba sendo testemuña dun mundo que remataba. El estaba recollendo toda unha serie de cousas que ben sabía que ían cambiar, ainda que probablemente se chega a ver como está o tema hoxe sorprenderíase do moitísimo que cambiou todo e de como esa emerxencia derivou nunha situación que é case límite en moitos aspectos tanto da cultura tradicional, por suposto, como da lingua.

Cre que tanto el coma o resto da xente de Nós sentirían certa frustración ao ver como nos atopamos neste momento?

En parte sentiríanse ledos de ver que o seu traballo tivo froitos e ten unha continuidade e realmente se pode calificar dun éxito en todos os aspectos, tendo en conta que certamente eran un grupúsculo minoritario e políticamente irrelevantes, a penas tiñan representación pero a súa verdadeira proxección a están acadando agora, con todo o recoñecemento que teñen e a influencia tan palpable que se ve destas figuras. Pero por outra parte, supoño que sentirían ver a situación na que está a cultura do país en moitos aspectos. Neste senso, a miña visión é pesimista.

Fala de Ben-Cho-Shey coma “traballador cultural”, síntese vostede así?

Si, si, eu síntome un artesán, un traballador cultural. Había un artista amigo meu que era Virxilio, que se definía coma un artesán e eu sempre concordei con el. Penso que hai que abandonar toda esta cousa do artista como algo elitista, é un traballador coma calquera outro, como foi Ben-Cho-Shey, basicamente un traballador da cultura. 

Te puede interesar