MEDIO RURAL

As agrupacións forestais melloran a xestión dos soutos tradicionais

Javier García Blanco, presidente de Soutos de Tuxe-A Senra.
photo_camera Javier García Blanco, presidente de Soutos de Tuxe-A Senra.
A Consellería do Medio Rural recoñece a tres asociacións ourensás que suman case 200 hectáreas de castiñeiros

A Consellería do Medio Rural vén de recoñecer coma agrupacións forestais de xestión conxunta a tres asociacións sen ánimo de lucro que xestionan soutos tradicionais na provincia de Ourense, concretamente en Parada de Sil, e en Tuxe e Cambela, no Bolo. A Asociación de Propietarios de Soutos de Tuxe - A Senra conta con 28 persoas socias e 134 parcelas catastrais, en tanto a Asociación de propietarios de Soutos de Cambela–Os Palmeiros agrupa a 16 socios e 136 parcelas catastrais e a Asociación de propietarios de soutos de Parada de Sil Canón do Sil está xestionada por 113 persoas socias e 827 parcelas catastrais. As tres asociacións de Ourense en total suman 157 persoas socias e 1.097 parcelas catastrais. Tendo en conta a superficie, falamos de 48 hectáreas do souto de Tuxe, 36,10 hectáreas de Cambela e 110,14 hectáreas en Parada de Sil, facendo un total 194,24 hectáreas.

Javier García Blanco é o presidente da Agrupación de Propietarios de Soutos de Tuxe-A Senra. “Antes de ser agrupación comezamos como asociación para dar o primeiro paso. Nestes momentos xa somos agrupación de xestión conxunta, fai un mes máis ou menos, e somos pioneiros nesta iniciativa, xa que de momento só hai tres en Galicia. Os núcleos son Cambela e Tuxe. A Senra é o nome que se lle dá o espacio da agrupación. Somos algo máis de trinta propietarios e xa temos feito varias actuacións. O ano pasado fixemos limpeza de camiños e agora estamos a traballar en proxectos para coñecer o xenoma dos nosos castiñeiros e cursos de poda e inxertos”.

“Co minifundio e a pequena superficie de moitas parcelas facer os tratamentos sanitarios e a venda de parcelas era moi difícil. Só era viable agrupándonos. Deste xeito todos os traballos de mellora son máis doados de facer, os propietarios teñen máis facilidades para rexenerar os terreos e cultivalos, e a comercialización dás parcelas é máis sinxela xa que se fai en conxunto. Tamén é un xeito de facilitar os tratamentos sanitarios en grupo, e contamos con ventaxes en canto a axudas”, remarca.

A Xunta publicou a orde que regula a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta. Constituiranse as entidades cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais e xestionen unha superficie mínima de monte de 10 hectáreas, e deberán acreditar a disposición dos dereitos de uso cunha porcentaxe superior ao 70% da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa. Ademais, as persoas que formen parte da agrupación deberán asinar a cesión da planificación da xestión forestal ou ben a representación para a xestión e comercialización conxunta durante un prazo mínimo de dez anos.

O recoñecemento de agrupacións forestais pretende favorecer a xestión conxunta e sostible do terreos forestais, a súa recuperación e impedir o seu abandono, favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta, servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e adaptación contra o cambio climático, ademais da creación de emprego e mellorar a calidade de vida no rural.

Orzamento

Para fomentar a creación de novas agrupacións, a Consellería do Medio Rural convocou, cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros, axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal, en réxime de concorrencia competitiva, a través de tres liñas de axuda. En concreto a liña III era de axudas para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta, cunha asignación de crédito total de 1.798.931 euros. Esta convocatoria de axudas está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “cara á neutralidade carbónica”; concretamente contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do eixe III 1.2 do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Estes soutos forman parte do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos posto en marcha pola Consellería do Medio Rural. No marco desta iniciativa, seleccionáronse sete soutos en Lugo e Ourense en función de diferentes criterios técnicos, como son a representatividade das zonas de soutos de Galicia, a selección en concellos prioritarios da clasificación efectuada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a representatividade dentro da diversidade actual dos soutos, e outros valores adicionais coma os medioambientais e patrimoniais.

O obxecto deste Plan de acción é a execución dos traballos necesarios para conseguir a recuperación do potencial forestal, co fin de impulsar un novo aproveitamento económico dos soutos que garantan a súa supervivencia. Supón unha aposta polo fomento do asociacionismo dos propietarios e a revitalización da produción a través deste plan piloto, que poida servir como modelo de referencia para outros titulares de terreos de soutos.

Os traballos seguen avanzando co recoñecemento destas Agrupacións forestais de xestión conxunta que incluíron os traballos de investigación da propiedade, tramitación administrativa para a constitución da agrupación e véñense complementando con colaboracións coas xuntas directivas.

Dende a posta en marcha do plan piloto, ademais do impulso ao recoñecemento como Agrupacións de xestión conxunta, véñense desenvolvendo as seguintes actuacións complementarias:

  • Obras de conservación de infraestruturas: no 2023 rozáronse máis de 26 hectáreas de superficie de pistas e camiños que facilitan o acceso aos soutos, así como garanten a limpeza das faixas auxiliares de cara á prevención de incendios.
  • Actuacións de control fitosanitario e loita biolóxica.
7489606

Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña 2021-2040

Este Plan piloto forma parte das actuacións definidas no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña que contribúe ao fomento dos recursos forestais non madeireiros. O desenvolvemento é a ferramenta que guía e orienta as liñas de actuación coa finalidade de acadar os obxectivos no horizonte temporal 2021-2040. 

Establece 36 actuacións integradas en cinco eixes que se desenvolverán entre os anos 2022 e 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro. En particular, este plan de acción está vinculado coas actuacións previstas nos seguintes eixes de intervención Programa Estratéxico: No Eixe de intervención Planificación, seguimento e control da produción do castiñeiro en Galicia; promoción do aproveitamento conxunto dos terreos forestais; impulso á recuperación de soutos tradicionais e ás novas plantacións con destino específico para produción de froito; implicación dos axentes impulsores; e desenvolvemento e revitalización de recursos e aproveitamentos.

Aberto o prazo para axudas para plantación de castiñeiro

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor as axudas para o fomento do castiñeiro que publicou o pasado 14 de maio o Diario Oficial de Galicia e que teñen un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros.

A conselleira salientou que o orzamento destas achegas medra un 30% respecto da aprobación da anterior convocatoria e que os investimentos enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Destacou ademais que a iniciativa alíñase co Plan Forestal de Galicia e co Programa Estratéxico do castiñeiro.

María José Gómez explicou ademais que destas subvencións poderán beneficiarse as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos forestais, tanto os propietarios como os arrendatarios ou xestores. Sinalou, a maiores, que con esta iniciativa dáse continuidade ao labor desenvolvido nos últimos anos pola Xunta nesta materia. Referiuse, máis concretamente, á convocatoria de 2023, aprobada por preto de un millón de euros e que vai permitir a plantación de case 20.800 castiñeiros para froito na nosa comunidade.

Te puede interesar