CULTURA

A Deputación festexa cos rapaces as Letras Galegas

Editou o libro "Augas e literatura na ourensanía", de Mercedes Pacheco

"Maio é o mes máis importante para a nosa lingua, o galego". Con estas palabras o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou onte a terceira Semana Escolar das Letras Galegas. A iniciativa, promovida pola institución provincial, ten como obxectivo "a defensa, promoción e difusión da nosa lingua e dos autores máis representativos da literatura galega, especialmente os que naceron na provincia", explicou Baltar.

Máis de 8.000 alumnos e 250 docentes repartidos en 65 colexios ourensáns subscribiron a proposta do goberno provincial, que dotou aos centros de material didáctico, facéndolle entrega da antoloxía "Augas e literatura na ourensanía", da escritora Mercedes Pacheco. A publicación inclúe unha escolma dun total de 13 escritores ourensáns, entre eles, Curros Enríquez, Losada Diéguez ou Otero Pedrayo. Como novidade, nesta edición tamén se recuperou o legado das irmáns Pura e Dora Vázquez así como da escritora Filomena Dato, unha férrea defensora dos principios feministas no século XIX. Precisamente, Baltar comprometeuse a poñer en valor a figura desta última escritora, coincidindo co 160 aniversario do seu nacemento.

A obra, editada pola Deputación, contempla unha reseña biográfica de cada un dos autores, acompañada dun retrato feito polo ilustrador Suso Cubeiro. Os textos teñen como eixo temático a auga e aparecen "tal e como foron escritos e só con mínimas correccións gráficas para facilitarlle a lectura aos escolares", explicou Mercedes Pacheco, editora da publicación. Estas modificacións atenden, por exemplo, á eliminación do guión ou do acento circunflexo. Tamén se recollen cantigas populares e unha lenda popular sobre o lugar que hoxe ocupa a lagoa de Antela.

A coordinadora da actividade, Llerena Perozo, explicou o éxito que tivo a iniciativa nas edicións pasadas entre os mozos dos últimos anos de Primaria e Secundaria, "incrementándose o número de participantes cada ano", explicou Perozo. Co fin de facilitarlle o labor aos docentes, a Deputación entregoulles unha guía didáctica con propostas de actividades a realizar nesta semana; "un material que contribúe ao currículo académico con contidos centrados na realidade da provincia de Ourense e que serve de ferramenta de dinamización do traballo nas aulas", engadiu.

Será o próximo día 16, a partir das 12.00, ou este venres no caso daqueles colexios que fagan ponte, cando tódolos traballos realizados saian á luz conmemorando así o Día das Letras Galegas.

Te puede interesar