Os autores da escola infantil do campus gañan o premio APlus

A sinxeleza é a clave da escola infantil premiada.
O estudio de arquitectura compostelán Abalo Alonso ven de recibir o galardón dos Premios Arquitectura Plus 2013 (APlus), na categoría de 'mellor proxecto de arquitectura de edificios para a educación', nunha cerimonia que se celebrou na noite do xoves en de Barcelona.
O estudio Abalo Alonso, integrado polos arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso, alzouse coa distinción polo seu traballo de deseño da escola infantil no Campus Universitario de Ourense, unha obra finalizada en 2011 e que comezou a funcionar como gardería en 2012. Competiron na súa categoría coa obra do CEIP Sant Roc en Olot (Girona), do estudio BB Arquitectes, e a Escuela Infantil en Pamplona, de Pereda Pérez Arquitectos.

Os arquitectos autores da obra amosaron a súa satisfacción por recibir 'un premio a nivel nacional' e sentíronse orgullosos de poder competir con arquitectos españois de gran prestixio. Ademais, os arquitectos manifestaron o seu xúbilo por ser a obra premiada a primeira gardería que proxecta o estudio Abalo Alonso.


A OBRA

Esta parella de arquitectos realizou un proxecto baseado na súa orixe nas cabañas entre as árbores e mesmo nos hórreos galegos, moi en sintonía cos xogos infantís de antaño. Crearon unha estrutura dunha soa planta por razón de uso e accesibilidade, cun zaguán habilitado para deixar os carritos. O espazo ten unha sala de usos varios, despacho, vestiarios de persoal, cociña, sala de instalacións, roupeiros, aseos, aulas e zona de xogos.

Nesta cuarta edición dos premios presentáronse 107 proxectos de 62 estudios de arquitectura. Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso son arquitectos titulados pola ETS de Arquitectura da Universidad de Navarra. Entre outros galardóns, obtiveron o Premio Rodríguez Peña de rehabilitación en Galicia en 2007, diferentes recoñecementos nos Premios COAG.

Te puede interesar